Finaliza a misión do Opportunity en Marte

A Administración Nacional da Aeronáutica e do Espazo (NASA) dá por concluída a misión do Opportunity despois de máis de 14 anos explorando Marte.

O robot, que fora deseñado para resistir 90 días marcianos e para percorrer uns 1000 metros de distancia, logrou viaxar máis de 45 quilómetros durante o tempo que permaneceu activo en Marte. O pasado 10 de xuño, despois dunha severa tormenta de po, o Opportunity deixou de comunicarse coa Terra. Os enxeñeiros trataron de restablecer o contacto, pero tras máis dun milleiro de intentos falidos, deron por finalizada a misión.

Recreación do rover Opportunity en Marte. Fonte: NASA.

Cal era o cometido do rover Opportunity?

A NASA leva enviando pequenas naves espaciais a Marte dende os anos 70 para conseguir información sobre o planeta vermello: como é a súa superficie? Houbo nalgún momento vida en Marte? Poderían habitalo os humanos?

O Opportunity foi enviado a Marte para atopar evidencias de auga no planeta vermello

O Opportunity chegou a Marte en xaneiro de 2004 co obxectivo de atopar pistas sobre a existencia de auga no planeta. Para iso, deseñouse un vehículo robotizado (rover) capaz de moverse pola súa superficie. Equipouse con cámaras panorámicas que sacaban miles de fotografías que, posteriormente, eran analizadas polos científicos da NASA. Xunto coas cámaras, os microscopios e os espectrómetros do rover foron claves para o estudo das diferentes rochas que compoñen a superficie do planeta. 

Grazas ao Opportunity, desvelouse que Marte foi un planeta húmido. No pasado, tivo lagos e ríos sobre a superficie e a súa auga era moi semellante á que temos hoxe en día na Terra!

Navega pola seguinte infografía para coñecer máis sobre Marte e a misión do rover Opportunity.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *