A luz é unha das enerxías máis empregadas nos fogares, xa que moitos dos aparellos que usamos a diario funcionan con electricidade. O ano 2019 comezou con subas na luz e, o día 1 de xaneiro, España bateu un récord: foi o país que tivo a electricidade máis cara de toda Europa! Esas subidas reflíctense no recibo da luz dos cidadáns, que pagaron uns 4 euros máis de media se o comparamos co mesmo período do ano pasado.
Por que sobe o custe da luz?
A luz xérase nas centrais de produción, que poden ser de varios tipos segundo a fonte de enerxía que empreguen. A través da rede de alta tensión, a electricidade transpórtase a diferentes puntos do país para, posteriormente, distribuíla aos consumidores. Este proceso garante que a produción de electricidade se adapte ás necesidades dos cidadáns.
As fontes de enerxía máis baratas para xerar luz son o vento e a auga
Porén, cando a demanda de luz se incrementa, o seu prezo sobe. E niso inflúen os factores meteorolóxicos. As enerxías máis baratas son a eólica e a hidráulica, pero se non se dan as condicións axeitadas, as centrais non poden producir toda a electricidade que se necesita. É entón cando se recorre a outras fontes máis caras, como os combustibles fósiles.
O uso do carbón e do gas natural, ademais, encarecen os prezos da luz debido aos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2) que deben pagar as centrais. Como son enerxías que emiten unha gran cantidade de gases contaminantes á atmosfera, a Unión Europea impuxo unha taxa por cada tonelada de CO2 que produzan. Canta máis electricidade se xere con este tipo de enerxía, maior será o seu custe e, polo tanto, máis pagarán os cidadáns na súa factura da luz.