A deportista galega álzase coa medalla de ouro na modalidade de triplo salto feminino e consegue bater o récord de España.
O pasado domingo, 3 de marzo, Ana Peleteiro conseguiu o triunfo no campionato Europeo Indoor de Atletismo celebrado en Glasgow (Escocia). A deportista impúxose na proba de triplo salto en pista cuberta ás súas rivais, Papahristou (Grecia) e Saladukha (Ucraína), que quedaron no segundo e no terceiro posto.
No cuarto salto, Ana Peleteiro conseguiu unha marca de 14,73 metros
A pesares de comezar con dous nulos, Peleteiro alcanzou no terceiro salto unha distancia de 14,56 metros e co cuarto chegou ata os 14,73! Esa marca serviulle para colocarse en primeira posición e gañar o seu primeiro ouro nunha competición internacional. Ademais, conseguiu bater o récord de España, que ata o momento tiña Carlota Castrejana (14,64 metros).
A galega xa fora campioa do mundo júnior en Barcelona 2012 e medalla de bronce no Mundial de pista cuberta de Birminghan (Reino Unido) e no Europeo de Berlín (Alemaña) no ano 2018.
