Os alumnos galegos uníronse este 15 de marzo á folga convocada por mozos de todo o mundo para alertar sobre as consecuencias do cambio climático.
Liderados pola ecoloxista sueca de 16 anos, Greta Thunberg, estudantes de 89 países sumáronse á folga deste venres. Piden que os gobernos dos diferentes estados tomen conciencia sobre o medio ambiente e deseñen políticas que deteñan o quecemento global. En Galicia e en España houbo manifestacións en cidades como A Coruña, Vigo, Madrid ou Barcelona.
Piden que os gobernos tomen medidas para deter o quecemento global
A pesares de que no noso país é a primeira vez que os mozos saen á rúa para loitar polo futuro do planeta, en Europa os estudantes levan manifestándose dende principios de ano.
As protestas comezaron en agosto de 2018, cando Greta Thunberg se sentou diante do Parlamento sueco para anunciar a súa folga polo cambio climático. Ese movemento que iniciou en solitario foise estendendo, pouco a pouco, por outros países. Bélxica, Suíza ou Holanda foron os primeiros en unirse á causa de Greta. Este venres, estudantes de todo o mundo apoiaron a loita da activista sueca na que foi a primeira folga climática da historia!

Queres saber máis sobre o cambio climático? Na sección de Ciencia e tecnoloxía explicamos cales son as principais causas do quecemento global.