A Organización das Nacións Unidas (ONU) declarou o 2019 como o Ano Internacional da Táboa Periódica. Ademais, este ano celebra o seu 150 aniversario! Coincidindo con estes dous acontecementos, diversas institucións traballaron nunha nova edición en galego da táboa dos elementos químicos.
Porén, a primeira táboa periódica dispoñible no noso idioma data do ano 1998. Pilar Rodríguez Seoane, que era profesora de química na Universidade de Vigo, foi a pioneira en traducir ao galego os nomes dos elementos químicos. A táboa periódica actualizouse posteriormente en dúas ocasións para incorporar nela os novos descubrimentos.
As orixes da táboa periódica
A táboa dos elementos periódicos foi presentada por Dmitri Mendeléyev en 1869. Nela, o químico ruso recolleu os 63 elementos da natureza coñecidos ata o momento e clasificounos segundo as súas propiedades químicas. Tamén deixou ocos baleiros co fin de que estes foran cubertos a medida que se descubrían novos elementos e chegou incluso a predicir as propiedades dalgúns elementos aínda descoñecidos!
A partires dese momento, moitos científicos traballaron para complementar e corrixir ese primeiro deseño de Mendeléyev. Así, a táboa periódica foi sufrindo cambios ao longo do tempo ata chegar á versión actual: 118 elementos ordenados en base ao seu número atómico e agrupados segundo as súas propiedades químicas. As cores indican se os elementos son metais, semimetais ou non metais.
