O 21 de marzo foi o Día Mundial dos Bosques. Nesa data, diversas agrupacións desenvolveron unha actividade simultánea para eliminar as especies invasoras dos montes galegos.
As accións de deseucaliptización lévaronse a cabo ao longo de toda Galicia. Nelas participaron dende entidades ecoloxistas e culturais ata asociacións educativas e veciñais. Con esta actuación colectiva, buscaron eliminar algunhas das especies invasoras máis estendidas polos nosos montes. Tamén alertaron sobre a necesidade de conservar os bosques galegos ante a expansión das árbores e plantas provintes doutros países.
As especies invasoras nos montes galegos
O eucalipto ou a acacia son algunhas das especies invasoras que poboan os bosques galegos. Ademais de substituír as especies forestais propias, este tipo de árbores teñen outros moitos efectos negativos: alteran a composición do solo, poñen en perigo a biodiversidade, impactan en actividades como a agricultura e incluso favorecen os incendios forestais.